Centro experimental de Enerxías Renovables na Tecnopole de Ourense
As empresas galegas do sector das enerxías limpas terán a mediados do próximo ano un banco de probas no que testar as súas innovacións. É o Centro de Experimentación en Enerxías Renovables que se vai construír en Tecnópole.
As instalacións que prestarán apoio ao sector empresarial a partir de xuño de 2007 permitirán testar a eficacia e a eficiencia de novos equipamentos aos fabricantes de aeroxeradores, pas, paneis, captadores solares e os restantes compoñentes e subsistemas tecnolóxicos das instalacións de enerxía eólica e solar.
O principal obxectivo do novo centro é contribuír a consolidar a posición de liderado que Galicia ten na produción de enerxía eólica e optimizar a relativa á da enerxía solar fotovoltaica, que non se corresponde coa potencialidade que presenta o territorio.
Para este proxecto, Tecnópole conta co apoio económico do Ministerio de Educación e Ciencia a través do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (Programa Nacional de Enerxía) e está financiado a través do Fondo Europedo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para construír o novo centro.
Potencia e versatilidade
O centro dividirase en dúas seccións, unha orientada á enerxía eólica e outra á solar. O equipamento que se instalará na primeira delas consistirá nun aeroxerador de probas que terá a suficiente versatilidade para incorporar novos modelos de pas e equipos complementarios cos que realizar probas e verificacións técnicas.
A sección de enerxía solar fotovoltaica dispoñerá de diversas instalacións conectadas á rede eléctrica nas que as empresas poderán realizar probas e estudos comparativos, no referente a novos compoñentes e tecnoloxías, tanto de paneis solares como inversores.
Deixar unha resposta